A crise económica e a súa repercusión no transporte urbano

17 05 2010

Aproveito que hoxe é o Día das Letras Galegas para publicar o primeiro artigo en galego do Blog. Perdón para os lectores galegofalantes por non facelo máis a miúdo, mais varias son as razóns para non utilizalo: o castelán é a miña primeira lingua (algo normal en Vigo), levo moito tempo sen escribir en galego (uns 10 anos) e vivo en Barcelona, polo que non teño moitas oportunidades de escoitalo e de falalo.

Vendo a situación económica actual do país e todos os problemas que podemos escoitar a cotío nos medios de comunicación, gustaríame facer unha breve análise das repercusións que a actual crise económica ten no transporte urbano e as posibles liñas estratéxicas que se poderían desenvolver para facerlle fronte.

A nivel estatal, segundo a Estadística de Transporte de Viaxeiros realizada polo INE,  en marzo de 2010 rexistrouse un descenso do 0,7% no número de usuarios de transporte público en relación a marzo de 2009. Ao dividir esta porcentaxe nos distintos tipos e modos de transporte, obsérvase que a variación do transporte interurbano foi de -2,5%, a do transporte especial e discrecional (laboral e escolar) foi de -4,1%, a do transporte urbano en autobús foi de -0,3% e a do transporte en ferrocarril foi de -3,2%. A nivel de Galicia, os datos de transporte de viaxeiros en autobús (o único desagregado en CC.AA.) reflexan un descenso do 0,1% respecto a 2009, que xa experimentara un importante descenso en relación ao ano anterior (-4,3%).

A primeira consecuencia da crise é, polo tanto, a baixada xeralizada da actividade do transporte público, co consecuente descenso da mobilidade individual e global. Analizando os datos dos diferentes sistemas de transporte nacionais que teñen datos desagregados (Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla e Valencia) obsérvase que este descenso é mais acusado na mobilidade non obrigada, concepto utilizado para sinalar os traxectos non vinculados coa mobilidade laboral ou escolar e normalmente asociado aos desprazamentos vinculados ao lecer. Por esta razón, a reducción é mais forte nas viaxes de fin de semana e nos desprazamentos a centros comerciais, rexistrándose tamén un acusado descenso de viaxeiros en horas nocturnas.

A variación da demanda de transporte en días laborais é moi dispar segundo a franxa horaria, rexistrándose as caídas mais fortes entre as 7 e as 11 da mañá e entre as 7 e as 10 da noite (¡en Madrid o descenso foi dun 40% en cada unha destas franxas!); ao que hai que sumar as caídas globais de viaxes aos polígonos industriais nas liñas de autobús consolidadas.

Esta situación obriga a facer unha reflexión conxunta para acadar a sostenibilidade do transporte colectivo, axustando de maneira permanente a oferta dispoñible á demanda actual e promovendo o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado motorizado.

As medidas de axuste da oferta ás novas demandas han de ser paulatinas, adaptándoas ós distintos modos de transporte e ás distintas liñas. Tamén débese ter en conta os días de axuste, diferenciando segundo sexan días laborais ou festivos e as horas de aplicación. O axuste do transporte colectivo é necesario para a súa supervivencia, pero débese facer minimizando a súa afectación nos cadros de persoal das empresas e sempre mantendo unha boa calidade do servizo.

De maneira paralela, compre seguir traballando en medidas de promoción do transporte colectivo que faciliten a mobilidade aos cidadáns: a continua mellora da xestión das redes existentes non pode aturarse. A creación de consorcios metropolitanos, a implantación de sistemas de integración tarifaria, o desenvolvemento de sistemas intermodais de transporte efectivos (bus + tren + barco + bicicletas), o redeseño e actualización das redes actuais, etc. deben ser as medidas destacadas nos tempos de crise, porque se non perderemos o pouco que ata hoxe púidose conseguir.

O mero axuste non deixa opcións para un desenvolvemento futuro, mentres que se este axuste é paulatino e faise de maneira paralela á incorporación de melloras na xestión estarase preparando o camiño da mobilidade do futuro, sentando as súas bases e marcando estratexias eficientes que permitan unha mellora continua e unha adaptación positiva aos tempos de crise, que terán como consecuencia unha mobilidade máis efectiva e eficiente nos vindeiros anos.